CITIC

Estrelas que gardan segredos: os metais de planetas perdidos

18/12/2024 - CITIC
  • O estudo, publicado recentemente en The Astrophysical Journal, utiliza un algoritmo de intelixencia artificial denominado “mapas autoorganizados” para procesar e analizar os grandes volumes de datos obtidos por Gaia.
  • A investigación liderada polo investigador do CITIC da UDC Xabier Pérez Couto desvela como os restos de planetas perdidos poden ser estudados en estrelas mortas.

A Coruña, 18 de decembro de 2024.- Un equipo de investigadores e investigadoras do CITIC da Universidade da Coruña logrou un importante avance no estudo da evolución dos sistemas planetarios. Utilizando os datos proporcionados pola misión espacial Gaia e avanzadas técnicas de intelixencia artificial, identificaron trazas de metais nas atmosferas de ananas brancas, estrelas mortas tras quedarse sen hidróxeno que fusionar. Estes metais, que non poden ser primordiais nin xerarse na anana branca a posteriori, atopan nos restos de planetas destruídos os seus hóspedes máis probables de acordo cos modelos e teorías máis actuais. É dicir, este achado revela a presenza de rastros de planetas que unha vez orbitaron estas estrelas e que foron destruídos cando a estrela esgotou o seu combustible nuclear. O artigo, publicado recentemente en The Astrophysical Journal, foi desenvolvido por Xabier Pérez Couto, Lara Pallas Quintela, Minia Manteiga e Carlos Dafonte, do CITIC, en colaboración con Eva Villaver Sobrino, investigadora do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).

O descubrimento de metais como calcio, magnesio e sodio nas atmosferas das ananas brancas é significativo, xa que estes elementos non deberían estar presentes debido á intensa gravidade que exerce o núcleo da estrela. A existencia destes metais suxire que foron absorbidos a posteriori de planetas e asteroides que se desintegraron cando a estrela alcanzou a súa fase final.

IA para identificar estrelas

O equipo utilizou un algoritmo de intelixencia artificial denominado “mapas autoorganizados” para procesar e analizar os grandes volumes de datos obtidos pola misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Grazas a esta técnica, foron capaces de identificar 143 novas candidatas a ananas brancas “metálicas” que ata o de agora non foran catalogadas.

Este traballo marca o inicio dunha nova fase de investigación, xa que o equipo do CITIC ten previsto realizar observacións adicionais utilizando telescopios de maior resolución desde a Terra para confirmar a presenza destes metais, pois calcular as súas abundancias permitirá coñecer con detalle a composición dos planetas que orbitaban estas estrelas.

O estudo publicado en The Astrophysical Journal abre novas posibilidades para entender como os sistemas planetarios evolucionan e desaparecen, proporcionando unha valiosa xanela ao pasado da Vía Láctea. Ademais, demostra a potencia da intelixencia artificial aplicada á astronomía, ofrecendo unha ferramenta poderosa para procesar grandes volumes de datos e descubrir obxectos astronómicos aínda non catalogados.

Para máis información, o artigo completo está dispoñible aquí.