CITIC

Estudantes do IES Mosteirón de Sada visitan o CITIC e o CITEEC

13/05/2025 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este martes a visita de 32 estudantes do IES Mosteirón de Sada. Os estudantes puideron coñecer de primeira man as capacidades tecnolóxicas do centro a través dun percorrido guiado polas súas instalacións máis punteiras. Ademais, a visita dividiuse en dous grupos para que tamén puidesen visitar as instalacións do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC.

Durante a visita, os estudantes exploraron o Demostrador Tecnolóxico, onde se lles presentou unha variada mostra de proxectos innovadores: o detector de pólipos, o sistema de diagnóstico de ataxias, o robot humanoide NAVE, un dron utilizado para investigación, o casco de EEG e o robot educativo Robobo.

O percorrido continuou na Sala de Robótica, onde puideron interactuar con robots avanzados como os can-robot, o robot asistencial Tiago, o vehículo Summit e un brazo robótico deseñado para tarefas de precisión.

Na Sala de Realidade Virtual e Localización, os e as estudantes viviron unha experiencia inmersiva co sistema de captura de movemento Optitrack, ademais de experimentar con luvas táctiles e tecnoloxías de realidade virtual.

A visita tamén incluíu unha parada no Centro de Procesado de Datos (CPD), núcleo crave para o procesamento de grandes volumes de información, e na Sala OitoBits, espazo dedicado á creatividade e a divulgación dixital.

Con esta actividade, o CITIC reafirma o seu compromiso coa divulgación científica e o fomento das vocacións tecnolóxicas, achegando ao alumnado aos desafíos actuais no campo da investigación e a innovación. Este tipo de iniciativas buscan inspirar ás novas xeracións e fomentar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía desde idades temperás.