CITIC

Estudantes do MIT presentan as súas investigacións nun novo almorzo TIC Talk do CITIC

10/07/2025 - CITIC

Esta mañá, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, acolleu unha nova edición dos Almorzos TIC Talk, un espazo para a divulgación científica no que persoal de investigación comparte de forma accesible os seus traballos máis recentes. Nesta ocasión, a sesión tivo un carácter especialmente internacional, coa participación de catro estudantes do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) que actualmente realizan unha estancia de investigación no centro TIC da UDC.

Durante o encontro, os estudantes presentaron proxectos punteiros que exploran a aplicación de modelos de intelixencia artificial en dúas áreas crave: a medicina e a ciberseguridade.

Juan C. Santiago, estudante de segundo ano en MIT e que no CITIC traballa cos investigadores Eduardo Mosqueira Rey e Diego Álvarez Estévez, abriu a xornada cunha presentación centrada no uso de redes xenerativas adversarias (GANs) para a síntese de fluxo de aire, utilizadas en estudos do soño. A súa investigación busca mellorar a calidade e diversidade dos datos dispoñibles, co obxectivo de adestrar modelos máis robustos para a detección de trastornos respiratorios, contribuíndo así ao desenvolvemento de ferramentas de apoio no diagnóstico médico.

A ciberseguridade foi o eixo común das intervencións dos outros tres estudantes, todos eles vinculados o grupo RNASA-IMEDIR do CITIC. Jace López compartiu a súa experiencia persoal como estudante de primeira xeración en MIT, combinando o seu percorrido académico cos avances da súa investigación sobre fingerprinting de sistemas operativos a partir da análise de tráfico de rede. O seu traballo emprega modelos Transformer para identificar patróns e mellorar as capacidades de detección en contornas dixitais.

Na mesma liña, Ishanvi Kommula explicou o seu traballo con NetGPT , o primeiro modelo xenerativo preentrenado aplicado ao tráfico de rede. A súa investigación oriéntase tamén ao recoñecemento de sistemas operativos, unha técnica clave na defensa fronte a ameazas informáticas. Kommula destacou a conexión entre esta liña de traballo e a súa experiencia previa en proxectos de intelixencia artificial con preservación de privacidade, desenvolvidos no CSAIL do MIT.

Finalmente, Jaime Punyed abordou o potencial transformador dos modelos baseados en Transformers no ámbito da seguridade de rede, especialmente na análise de tráfico. Punyed explicou que unha das principais barreiras para o adestramento destes modelos é a necesidade de grandes volumes de datos, o que expón importantes desafíos en termos de privacidade. A súa investigación céntrase por iso na aprendizaxe federada, unha técnica que permite adestrar modelos de forma descentralizada, respectando a confidencialidade dos datos de cada usuario.