CITIC

Estudantes do programa STEMBach do CPR Liceo La Paz visitan o CITIC

12/12/2024 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC recibiu o día 2 de decembro a visita de 14 estudantes e unha docente do programa STEMBach do CPR Liceo La Paz de A Coruña. Esta iniciativa ten como obxectivo acercar aos mozos á investigación científica e tecnolóxica de vanguarda, fomentando o seu interese por estas áreas estratéxicas.

Durante a xornada, o alumnado realizou un percorrido polo CITIC, deseñado para mostrar o traballo que se leva a cabo neste centro de referencia. A visita inclúe unha presentación inicial na que se introducían as liñas de investigación principais do CITIC e os seus proxectos en áreas como intelixencia artificial, big data, ciberseguridade e robótica. Ademais, participaron en talleres e demostracións prácticas de tecnoloxías innovadoras que lles proporcionaron unha experiencia interactiva e educativa.

Finalmente, os e as estudantes tiveron a oportunidade de coñecer detalles dalgúns dos proxectos desenvolvidos polo persoal investigador e o impacto dos seus traballos na sociedade. Esta actividade destaca a importancia de acercar ás novas xeracións ao mundo da investigación tecnolóxica, ofrecendo aos estudantes unha visión práctica do potencial das disciplinas STEM no seu futuro académico e profesional.