
Falak Naz, investigadora do CITIC, realiza unha estancia no EMBL-EBI para avanzar na investigación de biomarcadores en cáncer
Falak Naz, investigadora predoctoral no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e beneficiaria dunha prestixiosa bolsa Marie Skłodowska-Curie, realizou no mes de abril unha estancia no European Bioinformatics Institute (EMBL-EBI), situado no Wellcome Genome Campus de Cambridge (Reino Unido).
Durante a súa visita, Falak participou no programa especializado Introduction to Multi-Omics Data Integration and Visualization, onde tivo a oportunidade de presentar o seu traballo actual sobre a identificación de biomarcadores en cancro. No marco desta investigación, está a empregar ferramentas avanzadas de ciencia de datos e integración multi-ómica —como a análise de correlación canónica multi-ómica ou a análise factorial— para identificar o papel dos modificadores epixenéticos na asociación entre a expresión de ARN mensaxeiro e proteínas.
A pesar de que a caracterización proteómica de tumores humanos está axudando a comprender mellor os procesos biolóxicos relacionados co inicio, a diseminación e a resposta aos fármacos no cancro, existen aínda poucas mostras con datos proteómicos completos. En cambio, os perfís transcriptómicos úsanse de forma rutineira na clínica, a pesar de non existir unha correlación clara entre ambos tipos de datos. O traballo de Falak busca reducir esta fenda e contribuír a unha medicina de precisión máis eficaz e baseada en evidencias.
Esta estancia permitiulle interactuar con referentes internacionais en xenómica e bioinformática, intercambiar coñecementos e explorar enfoques innovadores baseados en grandes volumes de datos. Foi posible grazas ao apoio das Acciones Marie Skłodowska-Curie (MSCA), o CITIC e a Xunta de Galicia.
Falak Naz forma parte do equipo de investigación liderado polo Dr. Carlos Fernández-Lozano no CITIC, onde desenvolve proxectos centrados na análise computacional de datos biomédicos aplicados ao diagnóstico precoz e tratamento personalizado do cancro.