Finaliza o proxecto AOAIRE para o desenvolvemento dun sistema de cubicaxe de madeira mediante visión artificial
23/04/2021 – CITIC
Un equipo de investigadores do CITIC finalizou o proxecto AOAIRE -Desenvolvemento de tecnoloxía para o secado de produtos forestais-. O equipo estivo liderado polos investigadores do CITIC Marcos Gestal e Julián Dorado, xunto con Alejandro Pazos, Nieves Pedreira e Cristian R. Munteanu. O proxecto, financiado polo programa Conecta Peme, consiste en mellorar o rendemento dos sistemas de secado, probar novas tecnoloxías de secado e reducir o custo relacionado coas operacións de secado nos serradoiros de Galicia. A tarefa do equipo investigador centrouse en facilitar a cubicaxe da madeira nas operacións posteriores ao secado.
Ata este momento, para calcular o volume da madeira utilizábase un valor medio ante a imposibilidade de facer un cálculo preciso. Este cálculo medio realizábase á baixa, o que facía perder ingresos aos serradoiros. Co proxecto AOAIRE, obtéñense datos máis precisos e evítase esa perda de ingresos.
O sistema desenvolvido componse de dous subsistemas:
- Un equipo físico que encarga de escanear o código de barras único de cada palé e tomar imaxes do mesmo.
- Un sistema software que permite calcular o volume da madeira en función das imaxes tomadas e dos datos de altura e lonxitude dos taboleiros facilitados polo serradoiros. O software é capaz de detectar os ocos existentes entre as táboas, o que lle permite facer un cálculo preciso do volume de taboleiros.
Este proxecto está enmarcado dentro do programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que ofrece axudas para a realización de proxectos de I+D+i, en colaboración entre empresas en áreas estratéxicas para Galicia. O obxectivo é fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema Rexional de Innovación, a través do apoio a proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.