CITIC

Francisco Bellas foi premiado no congreso ROBOT'2019 en Porto

25/11/2019

O investigador do CITIC Francisco Bellas participou no congreso ROBOT’2019 – Fourth Iberian Robotics Conference, que tivo lugar do 20 ao 22 de novembro no Instituto Superior de Engenharia do Porto (ISEP). O investigador presentou dous papers, un dos cales foi premiado, e organizou unha sesión especial sobre robótica educativa, centrada na presentación de novos proxectos educativos e experiencias levadas a cabo con robots en educación primaria, secundaria e superior. O traballo premiado foi “Artificial Intelligence Teaching through Embedded Systems: A Smartphone-Based Robot Approach”.

ROBOT’2019, organizado pola Sociedade Portuguesa de Robótica (SPR) e a Sociedade Española para a Investigación e Desenvolvemento en Robótica (SEIDROB), segue as tres edicións anteriores da Iberian Robotics Conference celebradas en Madrid en 2013, Lisboa 2015 e Sevilla 2017. Así, o obxectivo principal de ROBOT’2019 é continuar os esforzos precedentes para mostrar a investigación en robótica e o desenvolvemento de novas aplicacións na Península Ibérica, aínda que a conferencia está aberta a presentacións procedentes de calquera país.