HispanIA 2040, coa participación de Amparo Alonso, marca prioridades para a IA ética e sostible
- O informe, presentado a pasada semana, establece doce liñas prioritarias de actuación para facilitar a adopción da IA, mellorar as capacidades internas de desenvolvemento e garantir que o seu uso se realice baixo principios éticos e responsables
Amparo Alonso, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC participou como experta na redacción do informe HispanIA 2040, un proxecto clave que analiza o impacto da Intelixencia artificial nos principais desafíos que enfrontará España nas próximas décadas. A presentación oficial do informe tivo lugar en Madrid o pasado 20 de xaneiro, coa presenza do presidente do Gobierno.
HispanIA 2040 identifica cinco áreas prioritarias onde a IA pode transformar España: a modernización do tecido produtivo, o fortalecemento do estado de benestar, a sustentabilidade medioambiental, a mellora dos sistemas de seguridade e defensa, e a redución da desigualdade. O informe, que se fundamenta en evidencias empíricas, subliña que a adopción da IA pode traer melloras significativas na sociedade española.
Entre os datos destacados, o informe resalta que a IA podería reducir as listas de espera en atención especializada ata en 22 días, optimizando a asignación de recursos no sector sanitario. Ademais, a implementación de IA na xestión do tráfico urbano podería reducir as emisións de gases contaminantes nunha cantidade equivalente a 905.000 coches anuais, contribuíndo significativamente á sustentabilidade medioambiental. No ámbito educativo, a intelixencia artificial pode mellorar significativamente os resultados académicos a nivel nacional, aumentando o rendemento en matemáticas en ata 20 puntos na escala PISA, o que equivale a medio ano adicional de aprendizaxe escolar.
O informe tamén establece doce liñas prioritarias de actuación para facilitar a adopción da IA, mellorar as capacidades internas de desenvolvemento e garantir que o seu uso se realice baixo principios éticos e responsables
Para máis información sobre o informe HispanIA 2040 e as súas principais liñas de actuación, pode visitar https://futuros.gob.es/nuestro-trabajo/hispania-2040