CITIC
Desayunos-TIC-Talk

IA aplicada a desordes do sono e tecnoloxía NERF para xerar vistas 3D a partir de imaxes 2D, temáticas dunha nova sesión dos Almorzos TIC Talk

31/01/2023 – CITIC

Este martes 31 de xaneiro o CITIC acolleu a primeira sesión do ano dos Almorzos TIC Talk, na que Adriana Anido Alonso e Manuel Silva Díaz expuxeron as liñas de investigación nas que están a traballar actualmente.

En primeiro lugar, Adriana Anido, coa súa charla “Deep learning generalization strategies in sleep medicine”, falou da súa investigación centrada no desenvolvemento de modelos de aprendizaxe automática aplicando técnicas de Intelixencia Artificial para facer máis eficiente o diagnóstico das desordes do sono. Coa técnica desenvolvida facilítase ao equipo médico unha información interpretada, o que reduce o tempo de valoración e aumenta a fiabilidade do diagnóstico.

Pola súa banda, Manuel Silva presentou “Neural Radiance Fields: Introdución e principais aplicacións”. A súa liña de investigación céntrase en NERF (Neural Radiance Fields), rede neuronal que pode xerar novas vistas de escenas 3D baseándose nun conxunto parcial de imaxes 2D. Esta tecnoloxía ten múltiples vantaxes, como o almacenamento máis eficiente de información 3D, a obtención de resultados moi realistas e a captura de información 3D de maneira moi rápida.

A sesión estivo moderada polo investigador e membro da comisión de formación do CITIC Álvaro Leitao.

Os Almorzos TIC Talk reúnen mensualmente a persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora coa finalidade de promover a investigación colaborativa nun ambiente distendido.