IA e creatividade no terceiro taller de HumanIA UDC, coa colaboración do CITIC
Ao redor de cen persoas participaron este mércores no terceiro taller de HumanIA da UDC, ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC). A experta en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina, impartiu o taller que levou por título “Intelixencia artificial e Creatividade: como potenciar o teu talento”, no que compartiu cos asistentes a súa experiencia á fronte dunha axencia especializada en creatividade aumentada, Estado Latente, da que tamén é cofundadora.
O terceiro taller de HumanIA UDC profundou nos aspectos máis relevantes da cocreación humano-máquina máquina-humano a través dunha serie de ferramentas e aplicacións que están a resultar moi útiles a artistas e outras profesións con inquietudes creativas. A experta fixo que os asistentes experimenten de maneira práctica, a través do uso dos seus propios computadores na sala, as disciplinas e tecnoloxías que están dispoñibles para aplicarse ao branding e a industria das ideas a través de ferramentas como ChatGPT4 e Freepik. Por iso, este taller estivo dirixido a creadores, estrategos, artistas, publicistas, consultores, pemes e calquera profesional ou estudante con interese por desenvolverse no ámbito creativo.
O taller enmárcase no ciclo formativo ‘HumanIA UDC: o desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia artificial’, lanzado no pasado mes de setembro, e que ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia da Intelixencia artificial nos estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades.
Ata o momento, máis de 400 asistentes participaron nos talleres de HumanIA nos que se abordaron tamén a regulación da Intelixencia artificial e casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións.