CITIC

Inauguración do Demostrador Tecnolóxico do CITIC co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, a alcaldesa da Coruña, o reitor e o presidente do Consello Social da UDC

18/05/2021 – CITIC

Este martes, 18 de maio, tivo lugar a inauguración do Demostrador Tecnolóxico do CITIC, un espazo de divulgación da actividade de I+D+i que se realiza no centro. O acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

Esta sala, cofinanciada pola UDC, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Consello Social da UDC, é un espazo único na comunidade galega, no que se mostran diferentes proxectos de investigación levados a cabo no CITIC. Así, entre os seus obxectivos está achegar á sociedade o labor realizado no centro, sendo unha oportunidade para o fomento das vocacións científicas, así como mostrar á contorna empresarial as capacidades do centro. Tamén servirá como espazo de demostración e probas para os equipos de investigación do CITIC, especialmente no ámbito da intelixencia artificial, área na que o CITIC é referente en Galicia.

O subdirector do CITIC, Javier Pereira, foi o encargado de mostrar aos asistentes algúns dos proxectos expostos en áreas estratéxicas do centro como a saúde e a industria 4.0, entre eles: unha aplicación de visión por computador para o diagnóstico de patoloxías oculares; contornas de realidade virtual para a rehabilitación de persoas con discapacidade; unha tecnoloxía sobre posicionamento de obxectos interiores; un sistema de monitorización de aforro enerxético; así como un robot educativo desenvolvido integramente na UDC.

O reitor da UDC agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para o financiamiento, xunto co Consello Social da UDC, deste novo espazo. Tamén destacou que o Demostrador Tecnolóxico amosa “aplicacións directas, baseadas na intelixencia artificial e na robótica, que se poden implantar en calquera industria”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade explicou que o Demostrador Tecnolóxico “complementa o gran traballo que se está desenvolvendo no CITIC”, sendo unha “aula de divulgación que servirá para transferir á sociedade os resultados de investigación que se realiza no centro”. Afirmou que “a intelixencia artificial está chamada a ter un papel relevante no futuro” e, neste sentido, asegurou que “desde a Xunta estamos a disposición da UDC para desenvolver proxectos tractores, como este, que teñen unha repercusión moi positiva no avance do coñecemento, a transferencia e, en definitiva, da sociedade”.

Tras a inauguración do Demostrador Tecnolóxico, as autoridades realizaron unha visita ás instalacións do CITIC.