
Industria 5.0: cando a tecnoloxía e a sustentabilidade traballan xuntas
- Salvador Naya, Javier Tarrío e Miguel Alfonso Flores publican o libro “Control estatístico da calidade para a industria 5.0”.
- Os investigadores profundan en técnicas estatísticas para o control de procesos e mellora da calidade, incluíndo os métodos para a análise e redución de variabilidade en procesos definidos por datos complexos, a aplicación do statistical learning e o machine learning ou as estratexias para mellorar a fiabilidade en sistemas intelixentes.
A Coruña, 3 de marzo de 2025.- “Control estatístico da calidade para a industria 5.0” é o título do libro, publicado recentemente, dos investigadores do CITIC da UDC Salvador Naya, Javier Tarrío, e Miguel Alfonso Flores, profesor da Escola Politécnica Nacional de Quito, Ecuador. Nel ofrécese unha visión integral e actualizada do control estatístico da calidade no contexto da revolución industrial máis recente.
Un dos aspectos máis innovadores do libro é o seu enfoque na resolución de problemas desde a estatística computacional. Os autores proporcionan ferramentas prácticas para implementar estas técnicas con software estatístico R, facilitando así a súa aplicación en contornas reais. Así mesmo, abordan tendencias emerxentes como o control de calidade en tempo real, a xestión de datos complexos e os desafíos éticos asociados ao uso da intelixencia artificial en procesos industriais.
Este traballo traza a evolución histórica do control de calidade, desde os seus inicios ata as aplicacións máis avanzadas na Industria 5.0. Destácanse aspectos fundamentais como a colaboración humano-máquina, a personalización avanzada e a sustentabilidade, elementos clave na mellora de procesos industriais modernos.
Ao longo dos seus capítulos, a obra profunda en técnicas estatísticas novas, incluíndo os métodos para a análise e redución de variabilidade en procesos definidos por datos complexos, o control de calidade para datos funcionais e multivariantes, a aplicación do statistical learning e do machine learning no control de calidade e as estratexias para mellorar a fiabilidade en sistemas intelixentes.
“Ofrecemos unha visión completa e actualizada de como garantir a calidade na era da dixitalización e a sustentabilidade. Este libro integra as innovacións máis recentes, como a colaboración humano-máquina, a personalización avanzada e o uso de intelixencia artificial. O noso obxectivo é proporcionar a profesionais, enxeñeiros e estudantes as claves para enfrontar os retos da industria do futuro”, explican os autores.
Sobre os autores
Salvador Naya Fernández é catedrático de Estatística e Investigación Operativa na UDC e investigador do CITIC, con máis de tres décadas de experiencia en docencia, investigación e xestión universitaria. O seu traballo céntrase na modelización estatística e o control de calidade, liderando numerosos proxectos de investigación e transferencia coa industria.
Javier Tarrío Saavedra é Enxeñeiro Industrial e doutor en Estatística e Investigación Operativa. A súa investigación no CITIC enfócase no control estatístico da calidade e a estatística industrial. É autor de traballos científicos en diferentes áreas científicas como a estatística, enxeñería, ciencia dos materiais, eficiencia enerxética ou epidemioloxía, entre outras, sendo recoñecido con premios polas súas contribucións á innovación e transferencia do coñecemento en estatística.
Miguel Alfonso Flores Sánchez é profesor na Escola Politécnica Nacional de Quito (Ecuador) e Doutor en Estatística e Investigación Operativa. A súa traxectoria abarca máis de 20 anos en investigación e consultoría en estatística computacional, machine learning e control de calidade. Liderou diversos proxectos nacionais e internacionais e conta cunha destacado labor na aplicación de modelos estatísticos avanzados.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora”.