CITIC

Innovación e avances no uso de Intelixencia Artificial para a medicina e a bioloxía nos Almorzos TIC Talk do CITIC

28/01/2025 - CITIC

O CITIC celebrou este martes 28 de xaneiro un novo Almorzo TIC Talk, un espazo de encontro onde se compartiron os avances máis recentes nas tecnoloxías computacionais aplicadas á bioloxía e á medicina. Durante o evento, dúas persoas expertas no campo da bioloxía computacional presentaron as súas investigacións sobre o estudo do cancro e a predición do efecto das mutacións nas plantas, usando a intelixencia artificial e os métodos computacionais

Samuel Martín Revuelta abriu a xornada cunha ponencia centrada no estudo do cancro mediante análise computacional, detallando as metodoloxías empregadas para seleccionar xenes asociados á resistencia dos tumores a tratamentos farmacolóxicos A través do uso de datos transcriptómicos, Martín Revuelta explicou como se poden identificar xenes clave para mellorar os tratamentos oncolóxicos, facilitando o desenvolvemento de novas terapias máis efectivas

A continuación, Eva Pardo Otero falou sobre os avances no uso de métodos computacionais para predicir o efecto das mutacións nas plantas. A investigadora subliñou a limitación dos enfoques actuais para predicir estes efectos, a pesar do seu impacto nas adaptacións ao medio natural. Na súa intervención destacou tamén a importancia de desenvolver técnicas específicas para as plantas que aproveiten as mellores metodoloxías para a predición de mutacións nocivas, co obxectivo de mellorar a súa resistencia aos cambios ambientais.