Intelixencia artificial e emprego tradicional: retos e oportunidades no ciclo HumanIA
A Coruña, 11 de decembro de 2024.- O ciclo formativo HumanIA 2024-2025, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña (UDC) en colaboración co CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC, continúa coa súa programación cunha nova charla titulada “Intelixencia artificial e transformación do emprego tradicional: retos e oportunidades”.
Este encontro terá lugar o próximo 16 de decembro ás 17:30 horas na Sala Cloud do CITIC (Campus de Elviña), e contará coa participación de Virginia Carcedo Illera, unha referente no ámbito da inclusión social e a transformación laboral.
Virginia Carcedo Illera
Licenciada en Dereito e especialista en xestión directiva, Virginia Carcedo Illera é secretaria xeral e directora de Transformación, Excelencia e Igualdade na Fundación ONCE, ademais de Secretaria Xeral de Inserta Emprego. A súa traxectoria profesional está marcada polo liderado de proxectos innovadores que combinan tecnoloxías como a intelixencia artificial co impulso do emprego inclusivo.
Entre as súas contribucións destacan iniciativas de gran impacto social como Portalento Lattam, e a súa participación en órganos directivos como os consellos de administración de Grupo ILUNION e Servimedia, e as directivas de REDI e ICONG. En 2023, foi recoñecida co premio Women in Retail pola inclusión, destacando a súa aposta pola igualdade de oportunidades.
O ciclo HumanIA 2024-25 é unha proposta que busca tender pontes entre as humanidades e as tecnoloxías emerxentes, analizando como estas impactan na sociedade e no mercado laboral. Esta charla súmase a unha programación que xa está en marcha, afondando en temas clave sobre o futuro do emprego e a transformación dixital.
A participación nesta charla é gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse a través desta ligazón.