
Investigación hispano-alemá para innovar nos mercados de emisións
- O investigador do CITIC da UDC Carlos Vázquez Cendón lidera APMANA-EAREC, o proxecto co que se deseñarán novos modelos de valoración de certificados de emisións de CO2 e de enerxías renovables.
- Trátase dunha colaboración en matemática aplicada entre a Universidade da Coruña e a Universidade de Wuppertal (Alemaña) financiada polas Axencias de Investigación de ambos países.
A Coruña, 3 de abril de 2025.- O pasado mes de marzo marcou o inicio oficial do proxecto APMANA-EAREC (Advanced Pricing Models and Numerical Approaches for Emission Allowances and Renewable Energy Certificates), unha iniciativa innovadora financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) española e a Deutshe Forschungsgemeinschaft (DFG), a súa homóloga alemá.
O investigador do CITIC e catedrático de Matemática Aplicada da Universidade da Coruña, Carlos Vázquez Cendón, participou na reunión de arranque do proxecto APMANA-EAREC en Wuppertal, Alemaña.
Un proxecto innovador para modelizar mercados enerxéticos
Esta iniciativa céntrase no deseño e resolución numérica de novos modelos de valoración para os certificados de emisións de CO2 e de enerxías renovables, un tema de especial relevancia no actual contexto de transición enerxética e loita contra o cambio climático.
Neste primeiro encontro concretáronse os plans para as liñas de traballo que desenvolverán ambos os equipos. O equipo do CITIC da UDC centrarase no deseño de modelos de valoración dos certificados de enerxía renovable (RECs), que as empresas reciben pola xeración de electricidade a partir de renovables e que, posteriormente, negócianse nos mercados ou mediante produtos derivados. Estes produtos son de gran complexidade, polo que a investigación aplicará ecuacións diferenciais avanzadas e desenvolverá novos métodos numéricos para mellorar a análise e predición nos mercados de enerxía.
Segundo indica o investigador do CITIC Carlos Vázquez, “a colaboración coa universidade alemá supón unha oportunidade para aproveitar sinerxías entre os equipos, avanzar no coñecemento e formar doutores nun tema de gran actualidade e interese para administracións e empresas”
Colaboración internacional e avances científicos
O equipo da Universidade da Coruña está formado por Íñigo Arregui, Carmen Calvo, María de los Ángeles Baamonde, José Germán López e Pablo Pérez. Por parte da Universidade de Wuppertal, participan os investigadores Matthias Ehrhardt, Thomas Kruse e Long Teng, entre outros.
APMANA-EAREC pretende achegar solucións innovadoras para a xestión eficiente dos mercados de emisións e enerxías renovables, contribuíndo a unha mellor comprensión da súa dinámica e facilitando a toma de decisións no camiño cara a un futuro enerxético sostible.
Foto: profesores Long Teng, Thomas Kruse, Carlos Vázquez e Matthias Ehrhardt, na Universidade de Wuppertal.