CITIC

Investigadoras do CITIC falarán sobre IA, ciberseguridade, tecnoloxías sanitarias e computación cuántica no marco do 11F no MUNCYT

03/02/2025 - CITIC

O MUNCYT da Coruña e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) celebran o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun ciclo de charlas dirixido ao alumnado de centros educativos. Este evento ten como obxectivo promover a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia, avanzar na igualdade de xénero e empoderar as mulleres no ámbito científico e tecnolóxico, todo isto a través da destacada participación das investigadoras do CITIC.

As charlas, impartidas por científicas e enxeñeiras do centro de investigación no ámbito da informática, visibilizan o papel fundamental das mulleres neste sector e buscan inspirar novas vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado máis novo. O evento terá lugar o martes 11 de febreiro, de 10:20 a 13:00 horas, e está destinado a estudantes de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, sendo recomendable a participación a partir de 3º da ESO. As actividades realizaranse en modalidade presencial, cun aforo limitado ao salón de actos, e en liña, a través dunha conexión online.

As reservas deben realizarse previamente enviando un correo electrónico a reservascor@muncyt.es ou chamando ao teléfono 689 578 727. Durante a reserva, os grupos poderán elixir as charlas nas que desexen participar. Para a modalidade online, será necesario contar con medios técnicos na aula, como conexión a internet e equipos audiovisuais. Ademais, anímase a que o alumnado envíe preguntas por adiantado, que serán seleccionadas e agrupadas por similitude con outras cuestións.

Programa

O programa comezará ás 10:20 horas coa benvida ao evento. De 10:30 a 11:00 horas, Verónica Bolón Canedo, enxeñeira e doutora en informática pola UDC e investigadora no CITIC, ofrecerá a charla “Avances e desafíos da intelixencia artificial, e por que aínda non temos que temer aos robots!”, onde realizará un percorrido pola historia da intelixencia artificial. Verónica foi premiada co Premio Nacional de Investigación 2024 na modalidade María Andresa Casamayor.

De 11:10 a 11:40 horas, Elena María Hernández Pereira, doutora pola UDC e investigadora no CITIC, impartirá a charla “Ciberseguridade e aprendizaxe automático: como as máquinas loitan contra os cibercriminais”, explicando como a aprendizaxe automática pode mellorar a protección de datos en internet.

De 11:50 a 12:20 horas, María Martínez Pérez, investigadora do centro TIC, enxeñeira informática e doutora pola UDC, ofrecerá a charla “Explorando a fórmula: RFID = Seguridade + Calidade – Riscos”, abordando como a tecnoloxía RFID pode mellorar a seguridade e a calidade nos procesos sanitarios.

Finalmente, de 12:30 a 13:00 horas, María José Martín Santamaría, doutora en Ciencias Físicas pola USC e investigadora no CITIC no grupo de Arquitectura de Computadores, pechará o ciclo cunha intervención sobre “Que é a computación cuántica e por que é tan revolucionaria?”.

Cada charla terá unha duración de 30 minutos, seguida de 10 minutos para interactuar co alumnado. Para máis información ou consultas sobre o evento, recoméndase contactar co MUNCYT a través do correo reservascor@muncyt.es ou o teléfono 689 578 727.