CITIC
niñasTIC_AAA

Investigadoras do CITIC participan na campaña #FaiClic da CRTVG para fomentar as carreiras tecnolóxicas entre as nenas

29/04/2022 – CITIC

Con motivo do Día Internacional das Nenas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación celebrado o 28 de abril, as nosas investigadoras Luz Castro e Amparo Alonso participaron na campaña corporativa da CRTVG #FaiClic, unha campaña de sensibilización, co obxectivo de alentar ás nenas e mulleres novas a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións ao campo das carreiras tecnolóxicas. Unha área clave pois, segundo Amparo Alonso: “A tecnoloxía é a que está a definir como vai ser o futuro e temos que estar aí para opinar como queremos que sexa. Para iso, é importante apostar por unha educación comprometida”. Segundo sinalou Luz Castro: “Non podemos educar diferente ás nenas e os nenos, é unha mentira que ás mulleres se nos dea mal a tecnoloxía”.

O día Internacional das Nenas nas TIC é unha iniciativa que xorde en 2010 por parte dos países membros da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), organismo adscrito á ONU, co obxectivo de visibilizar a enorme fenda dixital de xénero que se viña evidenciando ao longo dos anos.