CITIC

Investigadores do CITIC organizan o simposio internacional SPIRE 2019 en Segovia

09/10/2019

Investigadores do CITIC, en colaboración coa Escola de Enxeñaría Informática de Segovia, organizan o SPIRE 2019, un simposio internacional sobre procesamento de cadeas e recuperación de información que se celebra do 7 ao 9 de outubro en Segovia.

Na conferencia participan investigadores de máis de 20 nacionalidades, que presentarán 36 traballos orixinais relacionados coas áreas de compresión de datos, recuperación de información, algoritmos, bioloxía computacional, indexación e estruturas de datos comprimidas.

Esta nova edición contará con tres invitados de gran relevancia internacional: Alistair Moffat, profesor de Informática da Universidade de Melbourne (Australia), coa conferencia “C/W/L Spells «Cool»: User-Based Evaluation in Information Retrieval”; Veli Mäkinen, da Universidade de Helsinki (Finlandia) coa súa conferencia “When Stringology Meets Graphs”; e, por último, o profesor da Universidade de Chile, Gonzalo Navarro coa conferencia “Repetitiveness and Indexability”.

Este simposio internacional, que xa vai pola súa vixésimo sexta edición, comezou a súa andadura en 1993 en Sudamérica. Ao longo destas 26 edicións, a conferencia aglutinou a unha comunidade científica de gran relevancia cuxas achegas tecnolóxicas supuxeron grandes innovacións en áreas tan punteiras como a procura e recuperación de información na web e a xenómica. Algunhas das estruturas de datos, algoritmos, técnicas de compresión e/ou procesamento de texto que se usan na actualidade por empresas tecnolóxicas líderes a nivel mundial como Google, Yahoo! e eBay foron presentadas inicialmente en SPIRE.