Investigadores do CITIC participan no proxecto Hiperform para o desenvolvemento de vehículos ecolóxicos
15/10/2018
Investigadores da área tecnolóxica de arquitectura de computadores, sensórica e comunicacións do CITIC da Universidade da Coruña (UDC), xunto con investigadores do Laboratorio de Enxeñería Mecánica do campus de Ferrol da UDC participan no proxecto HiPERFORM, un ambicioso proxecto internacional que xorde como resposta ao desafío ao que se enfronta actualmente a industria do automóbil mundial, e particularmente a europea, para reducir as emisións de CO2 e, consecuentemente, mellorar a calidade do aire e evitar o quecemento global. O obxectivo do proxecto céntrase en mellorar a eficiencia e rendemento dos compoñentes electrónicos dos vehículos eléctricos, con especial atención aos dispositivos que converten a electricidade de corrente continua procedente da batería en corrente alterna, necesaria para mover os motores aloxados nas rodas do coche. O problema é que neste proceso os dispositivos perden moita enerxía, o que provoca que se quenten e fai necesario contar con sistemas de refrixeración para manter a temperatura.
HiPERFORM aspira a mellorar estos compoñentes electrónicos co fin de reducir as súas perdas enerxéticas, peso e tamaño. Isto contribuirá a conseguir coches máis eficientes e alcanzables e, en consecuencia, un maior uso dos vehículos eléctricos e unha considerable redución de emisións de CO2 á atmosfera.
O proxecto comezou a súa andaina o pasado mes de maio e terá unha duración de tres anos.
A investigación está financiada por ECSEL JU, unha plataforma europea público-privada de compoñentes e sistemas electrónicos que recibe apoio a través do programa Horizonte 2020 da UE, así como de Austria, España, Bélxica, Alemaña, Eslovaquia, Italia, Países Baixos e Eslovenia. Participan 31 institucións de oito países europeos e conta cun orzamento total de 41 millóns de euros.