CITIC

Investigadores do CITIC presentarán un traballo na prestixiosa International Joint Conference on Artificial Intelligence

12/05/2020

Os investigadores da área de Intelixencia Artificial do CITIC, Felicidad Aguado, Gilberto Pérez e Concepción Vidal, foron invitados a presentar un traballo da súa autoría, no campo de Representación do Coñecemento (KR), na próxima edición da International Joint Conference on Artificial Intelligence (IJCAI). Trátase da conferencia internacional máis importante no ámbito da IA, caracterizada por contar cun sistema de selección de artigos moi estrito; na próxima edición aceptáronse unicamente 592 traballos dun total de 4717 que foron presentados.

O traballo que presentarán os investigadores do CITIC enmárcase na liña do artigo “Forgetting auxiliary atoms in forks”, publicado en 2019 na revista Artificial Intelligence, a máis veterana, recoñecida e prestixiosa no seu ámbito. Ambos traballos profundan na introdución dun novo operador en programación lóxica con potencial aplicación na supresión de variables e a anonimización de bases de coñecemento.

Estaba prevista a celebración da IJCAI en xullo de 2020 en Yokohama (Xapón), pero debido á crise sanitaria producida polo COVID-19, foi aprazada para xaneiro de 2021, pero aínda non está claro o formato da súa celebración. En calquera caso, a organización sinala que a difusión dos novos resultados de investigación dos autores é o foco principal da conferencia e, polo tanto, a publicación das actas realizarase en xullo deste ano, segundo estaba previsto.