CITIC

Investigadores do CITIC publican un artigo en ScienceDirect sobre detección precoz da enfermidade de Alzheimer

28/04/2020

Os investigadores do área de Intelixencia Artificial e Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC, Alejandro Ponte Castro, Enrique Fernández Blanco, Alejandro Pazos e Cristian R. Munteanu, publicaron en ScienceDirect o artigo “Automatic assessment of Alzheimer’s disease diagnosis based on deep learning techniques”.

O obxectivo principal deste traballo foi desenvolver un sistema que detecte automaticamente a presenza da enfermidade de Alzheimer en imaxes de resonancia magnética saxital (IRM), para a detección temperá da enfermidade.

Do traballo desenvolvido polos investigadores do CITIC pódense extraer dúas conclusións: en primeiro lugar, os danos relacionados coa enfermidade de Alzheimer e as súas etapas pódense distinguir na IRM e, en segundo lugar, os resultados obtidos usando modelos de deep learning con resonancia magnética saxital son similares ao estado da arte, que utiliza a resonancia magnética de plano horizontal.

Aínda que as IRM de plano saxital non se usan comunmente, este traballo demostrou que son tan efectivas como a IRM doutros planos para identificar a enfermidade de Alzheimer nas primeiras etapas. Isto podería facilitar futuras investigacións.