Investigadores do CITIC avanzan no proxecto HiPERFORM desenvolvendo unha unidade de control telemática para embarcar nun vehículo eléctrico
24/02/2021 – CITIC
Os investigadores do CITIC Valentín Barral, José A. García Naya, Luis Castedo, Carlos J. Escudero e Javier Rodas González desenvolveron unha unidade de control telemática para embarcar nun vehículo eléctrico, no marco do proxecto europeo HiPERFORM (High performant Wide Band Gap Power Electronics for Reliable, energy efficient drivetrains and Optimization through Multi-physics simulation), baseado en novos dispositivos de electrónica de potencia e que ofrece unha alta eficiencia enerxética.
Con este motivo, o investigador Javier Rodas González visitou o pasado mes de decembro as instalacións de Tecnalia en País Vasco. A unidade telemática integrouse con éxito nun banco de probas de Tecnalia que dispón dunha cabina de condución completa equipada con volante, selector de velocidade e pedais de acelerador e freo. Aquí pódese visualizar un vídeo dunha das integracións realizadas.
O banco de probas utiliza o motor gráfico UNITY e un modelo de dinámica do vehículo multi-corpo (DYNACAR) que modelan a dinámica de todas as partes móbiles do vehículo e os cerebros electrónicos encargados de xestionar, entre outros aspectos, a carga das baterías, os motores eléctricos, o inversor que envía a enerxía desde as baterías aos motores e todos os sistemas que interveñen na condución e xestión enerxética do vehículo.
A unidade telemática habilita o acceso remoto e en tempo real aos datos de telemetría e dos sensores do vehículo, o que permite analizar grandes volumes de datos para detectar fallos antes de que se produzan, reducindo así os custos de mantemento, mellorando a satisfacción do cliente e aumentando a seguridade.
HiPERFORM é un proxecto internacional de I+D que ten como obxectivo principal a aplicabilidade industrial de semicondutores de alto rendemento con materiais de banda ancha no campo da mobilidade intelixente. Os resultados esperados do proxecto permitirán dotar aos fabricantes europeos de vehículos eléctricos de excelentes tecnoloxías para o desenvolvemento de vehículos ecolóxicos asumibles de próxima xeración.
Participan no proxecto 31 entidades procedentes de 8 países europeos. HiPERFORM conta cun orzamento de 41 millóns de euros, cofinanciados polo programa europeo H2020 e polas axencias de innovación nacionais dos países participantes.