CITIC
Foto_Equipo CITIC Gaia

Investigadores do CITIC da UDC participan na publicación do mapa máis completo da Vía Láctea

14/06/2022 – CITIC

  • Este luns presentouse a terceira publicación de datos de Gaia, misión espacial da Axencia Espacial Europea (ESA) que aporta o catálogo máis preciso e completo da Vía Láctea.
  • O equipo de investigadores do CITIC que forman parte desta misión espacial están liderados pola astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte.

Este luns 13 de xuño tivo lugar a presentación da terceira publicación de datos de Gaia, misión espacial da Axencia Espacial Europea (ESA) cuxo obxectivo principal é medir cunha precisión sen precedentes a posición, os movementos e as propiedades das estrelas da Vía Láctea, creando un mapa multidimensional de case dous mil millóns de estrelas. A astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte lideran o equipo de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña que participan nesta misión espacial.

A información publicada contén información nova e mellorada de case dous millóns de obxectos da Vía Láctea e revoluciona a nosa comprensión da Galaxia. O catálogo inclúe nova información e máis precisa ca do anterior arquivo DR2, coma temperaturas estelares, radios, composicións químicas, masas, idades e a velocidade á que as estrelas se achegan ou afastan de nós. Gran parte desta información foi revelada pola espectroscopia, recentemente publicada, e que é o produto estrela da DR3. A espectroscopia é unha técnica na que se divide a luz das estrelas (coma un arco iris). Así mesmo, o arquivo DR3 recolle subconxuntos especiais de estrelas, coma aquelas que cambian de brillo co tempo, ou estrelas variables. Outra novidade neste conxunto de datos é o catálogo máis grande ata a data de estrelas binarias da Vía Láctea, miles de obxectos do Sistema Solar, entre eles asteroides e lúas de planetas, así coma millóns de galaxias e quásares situados fóra da Vía Láctea.

O equipo investigador do CITIC traballou nas unidades de coordinación 8 e 9 de Gaia. O obxectivo principal da unidade de coordinación 9 foi a creación de técnicas e ferramentas para a verificación da calidade dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión. Á súa vez, a unidade de coordinación 8 centrouse en deseñar e desenvolver técnicas automatizadas, baseadas na Intelixencia Artificial e na Estatística Inferencial, que permitan a clasificación de todas as fontes que observa o satélite (non só estrelas da Vía Láctea, senón tamén obxectos extragalácticos) e da obtención das súas principais características e propiedades físicas, coma a temperatura e a gravidade das estrelas. Desde o CITIC desenvolveuse unha ferramenta, GUASOM (Gaia Utility for the Analysis of Self-Organizing Maps in DR3), para a visualización en Big Data Astronomy de clustering non supervisado de outliers, que se pode consultar de forma libre: https://guasom.citic.udc.es

Xunto co novo conxunto de datos, publicarase unha cincuentena de artigos científicos, dos que nove se centran especificamente en demostrar o gran potencial dos novos datos de Gaia.