
Investigadores do CITIC da UDC presentan en IMOL 2025 un avance en arquitecturas motivacionais para a aprendizaxe aberta en robótica
- Así mesmo, hoxe, 16 de setembro, organizan en Praga o obradoiro internacional “Aliñamento a través do propósito en robots autónomos”.
Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, Richard J. Duro e Alejandro Romero, participaron na sétima edición do Intrinsically Motivated and Open-ended Learning Workshop (IMOL 2025).
No encontro presentaron o póster titulado “A Motivational Architecture for Open-Ended Learning Challenges in Robots”, elaborado xunto cos seus colegas do proxecto europeo Pillar Robots, Gianluca Baldassarre e Vieri Giuliano Santucci do CNR – Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione (Italia). O traballo propón novas arquitecturas motivacionais que permiten aos robots afrontar de maneira autónoma e aberta distintos retos de aprendizaxe, un avance fundamental cara a sistemas robóticos máis adaptativos e intelixentes.
Por outra banda, o CITIC organiza hoxe, 16 de setembro, o obradoiro “Aliñamento a través do propósito en robots autónomos”, que se celebrará na Facultade de Enxeñaría Eléctrica da Universidade Técnica Checa en Praga (CVUT). Este encontro interdisciplinar, celebrado no marco da IEEE International Conference on Development and Learning (ICDL), reunirá expertos en robótica, intelixencia artificial, neurociencia, ética e psicoloxía para abordar como os sistemas autónomos poden aliñar a súa aprendizaxe e comportamento cos valores humanos, as normas sociais e os criterios de seguridade.
O obradoiro, coordinado por Alejandro Romero e Martín Naya Varela, contará como poñentes convidados con Richard J. Duro (Universidade da Coruña), Vieri Giuliano Santucci e Gianluca Baldassarre (ISTC-CNR, Italia), e Niki Efthymiou (Universidade Técnica Nacional de Atenas, Grecia).