Investigadores do CITIC da UDC realizan un proxecto piloto do uso da IA como ferramenta de axuda ao docente
- O proxecto do Ministerio de Educación, chamado ProgTutor, levouse a cabo no IES Sofía Casanova de Ferrol.
- Ao redor de 40 estudantes de primeiro de Bacharelato probaron o Sistema de Tutorización Intelixente (ITS) este curso.
A Coruña, 04 de xuño de 2024.- Os investigadores do CITIC da UDC, Francisco Bellas e Óscar Fontenla, xunto cun equipo de 8 investigadores máis, estiveron impartindo clases semanalmente no instituto Sofía Casanova de Ferrol dentro dun proxecto do Ministerio de Educación que explora o uso da Intelixencia artificial (IA) como ferramenta de apoio na docencia. Este proxecto, bautizado como ProgTutor, ten como obxectivo desenvolver un Sistema de Tutorización Intelixente (ITS) que proporcione aos estudantes un ensino personalizado da programación en linguaxe Python a través de simulacións robóticas.
O ITS estívose probando con máis de 40 estudantes de primeiro de bacharelato durante o curso 2023/24, e lográronse grandes avances e melloras na súa funcionalidade. ProgTutor destaca polas súas contribucións en dúas áreas principais:
- Aprendizaxe Automática: inclúe novas métricas de interacción do estudante coa contorna de programación e o simulador robótico, métodos innovadores para avaliar o código en comparación con solucións correctas e un procedemento completo para personalizar tarefas de programación.
- Interface de Usuario: introduce métodos de retroalimentación baseados en visualizacións e experiencias personalizadas, inspirados nos videoxogos e a realidade virtual.
O proxecto axústase aos obxectivos do Plan de Acción de Educación Dixital da Unión Europea 2021-2027, con achegas significativas en varios aspectos. Como ferramenta didáctica, facilitará a formación en programación e pensamento computacional e ofrecerá un apoio considerable aos profesores mediante o seguimento e guía personalizada dos estudantes. O seu deseño para a aprendizaxe mixta permitirá tanto clases síncronas como asíncronas, adaptándose a diversas modalidades de ensino. Ademais, potenciará as competencias dixitais proporcionando unha aprendizaxe personalizada axustable a diferentes niveis educativos. Finalmente, promoverá a formación práctica en programación mediante a resolución de retos de robótica nunha contorna de simulación.
Desenvolvemento do Prototipo do ITS
O resultado final deste proxecto será un prototipo software totalmente funcional, que se poderá aplicar en calquera formación básica sobre programación en Python. Para lograr este obxectivo, ProgTutor foi desenvolvido a partir do simulador aberto do robot Robobo, chamado RoboboSim e desenvolvido en MINT SL, unha spin-off da UDC, que é sobre o cual os estudantes realizan os seus programas. A contorna de programación elixida para a formación foi Python, dado o seu uso tan estendido e a súa relevancia no mercado laboral, ademais de ser compatible co robot Robobo. O proxecto busca avanzar cara a un uso ético, responsable e positivo da IA no ensino, respectando en todo momento ao docente como eixo do proceso educativo, e apoiando o seu traballo.