CITIC

Investigadores do CITIC desenvolven PhotoILike, unha ferramenta de Intelixencia Artificial para imaxe inmobiliaria

17/02/2021 – CITIC

Un equipo de investigadores do CITIC desenvolveu a ferramenta PhotoILike, nacida no seo da empresa de base tecnolóxica Artificial Intelligence Indestia, participada pola UDC. Trátase dun sistema de Intelixencia Artificial destinado ao mercado inmobiliario co obxectivo de seleccionar as imaxes con maior impacto comercial. Os investigadores do CITIC que forman parte deste proxecto son Juan Jesús Romero, Adrián Carballal, Francisco Cedrón e Nereida Rodríguez.

PhotoILike é capaz de determinar cal é a imaxe máis atractiva dentro dun conxunto, a partir de máis dun millón de enquisas realizadas a particulares nas que se avalían diferentes imaxes inmobiliarias mostradas nos anuncios dos portais web. Así, mediante a combinación de técnicas de aprendizaxe de Intelixencia Artificial, a ferramenta permite elixir mellor as imaxes a incluír no anuncio, xa que proporciona o impacto medio de cada unha tendo en conta a súa calidade, valor estético e efecto comercial.

PhotoILike xa é utilizado por 4.000 inmobiliarias para aumentar as visitas nos anuncios, conseguindo incrementar ata un 300 % as visitas en anuncios nos portais Idealista, Fotocasa e Milanuncios.