CITIC

Investigadores do CITIC imparten unha nova edición do curso Tecnoloxías para a participación activa na diversidade funcional

26/01/2021 – CITIC

As investigadoras do CITIC Betania Groba, Laura Nieto e Thais Pousada, xunto ao subdirector Javier Pereira, impartirán un ano máis o MOOC “Tecnoloxías para a participación activa na diversidade funcional”, que se celebrará a partir do próximo 15 de marzo. Este curso é acollido pola plataforma MiríadaX e a súa inscrición é libre e gratuíta.

O MOOC pretende ofrecer unha perspectiva práctica e completa sobre as características, funcionamento e aplicacións de diferentes produtos de apoio, programas, APP, software de programación e robótica. Ten como principal obxectivo conseguir que os participantes adquiran coñecementos básicos sobre diferentes recursos para a promoción da autonomía e a participación das persoas con diversidade funcional.

O curso ten unha duración estimada de 16 horas, repartidas en 4 semanas nas que se impartirán 4 módulos. O tempo de dedicación estará ocupado pola lectura e visualización dos materiais básicos de formación, a realización das actividades propostas e a participación en foros.

Máis información