Investigadores do CITIC imparten unha xornada de robótica no CHUS para nenos hospitalizados
- A actividade enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
A Coruña, 18 de xullo de 2024.- O Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) acolleu este pasado mércores unha xornada de robótica destinada a nenos e nenas hospitalizados. A actividade contou coa participación do conselleiro de Sanidade , Antonio Gómez Caamaño, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, así como do subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, o subdirector xeral de Sistema e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Anxo Facio Villanueva e un representante da área tecnolóxica do CHUS.
O taller foi impartido polos membros do CITIC Manuel Lagos Rodríguez, María del Carmen Miranda Duro, Patricia Concheiro e Javier Pereira, quen se encargou de guiar aos menores nestas actividades tecnolóxicas e educativas.
A iniciativa ten o obxectivo de aliviar a tensión dos pequenos pacientes, á vez que esperta o seu interese pola tecnoloxía e a ciencia, fomentando así unha aprendizaxe lúdica e motivadora durante a súa estancia hospitalaria.
Actividades
Durante o taller, unha decena de nenos e nenas de entre 3 e 14 anos puideron gozar de diversas actividades innovadoras e educativas. Así, o persoal do CITIC ensinoulles exercicios interactivos de realidade aumentada e un “Piano de Froitas”, creado utilizando froitas como teclas para que os nenos puidesen crear música con este instrumento adaptado. Tamén mostraron un can robot; o Robobo, un robot educativo deseñado por investigadores do CITIC, e un minidron programable. Para levar a cabo estas actividades, o persoal do CITIC utilizou materiais tecnolóxicos como MakeyMakey, ou minidróns programables.
A iniciativa
O convenio entre o CPEIG e a Consellería de Sanidade ten como obxectivo ofrecer unha distracción positiva aos nenos hospitalizados, contribuíndo á súa recuperación emocional e mental. Para iso, contempla a realización de 14 talleres, dous por cada área sanitaria ao ano, nas aulas infantís das áreas pediátricas dos hospitais públicos galegos.
Estas actividades interactivas e prácticas proporcionarán unha distracción positiva da situación médica de cada paciente, facendo o ingreso hospitalario máis levadío. Ademais, os talleres están pensados para desenvolverse en grupo, favorecendo a interacción social, aínda que tamén se previron sesións virtuais para os pacientes que non poidan participar fisicamente.