Investigadores do CITIC organizaron o simposio "AI in Service of Molecular Biology: Perspectives and Challenges" no 46º Congreso da Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular
A Coruña, 13 de setembro de 2024 – No marco do 46º Congreso da Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular (SEBBM), que se celebrou na Coruña do 3 ao 6 de setembro de 2024, tivo lugar o simposio “AI in Service of Molecular Biology: Perspectives and Challenges”, organizado polos investigadores do CITIC, Carlos Fernández Lozano e Susana Ladra.
A conferencia explorou o impacto transformador da intelixencia artificial (IA) na bioloxía molecular, unindo expertos en IA e biociencia para debater sobre as novas oportunidades que ofrece esta tecnoloxía na investigación biomolecular.
A IA revolucionou a análise de grandes volumes de datos biolóxicos, acelerando o estudo de secuencias xenéticas, a predición de interaccións moleculares e a identificación de patróns complexos. Estes avances están a mellorar a comprensión dos procesos moleculares que subxacen a numerosas enfermidades, abrindo novas posibilidades no diagnóstico, tratamento e desenvolvemento de fármacos.
Concretamente, Susana Ladra falou sobre os fundamentos e aplicacións da IA en bioloxía molecular, destacando como os algoritmos avanzados poden identificar patróns complexos e realizar predicións precisas a partir de datos biolóxicos. Pola súa banda, Martín Garrido Rodríguez-Córdoba presentou o uso da aprendizaxe automática asistida por coñecemento para mellorar a análise de datos, permitindo a creación de modelos detallados sobre a sinalización celular e a interpretación de datos espaciais. Mentres que Óscar M. Rueda abordou a integración de modelos estatísticos clásicos coa IA no desenvolvemento de modelos prognósticos para o cancro de mama, o que marca un avance significativo na investigación oncolóxica.
Desafíos Éticos e Regulatorios
O simposio analizou as implicacións éticas e os desafíos regulatorios que acompañan a implementación da IA no ámbito da bioloxía molecular. Estes debates serán fundamentais para garantir un uso responsable e equitativo destas tecnoloxías avanzadas.
Este encontro interdisciplinario ofreceu unha plataforma esencial para o intercambio de ideas e a colaboración entre investigadores, bioinformáticos, científicos de datos e profesionais da bioloxía molecular, promovendo avances na comprensión e tratamento de enfermidades a nivel molecular.