Investigadores do CITIC participan na sesión de presentación do Programa de Formación en Competencias Dixitais en Saúde para residentes, do que coordinan módulos formativos
18/06/2021 – CITIC
O director do CITIC Manuel F. González Penedo e o investigador Alejandro Pazos participaron onte na sesión de presentación do Programa de formación en Competencias Dixitais en Saúde para residentes, celebrada no salón de actos do Hospital Universitario da Coruña. Os investigadores coordinarán senllos módulos formativos no programa.
O acto foi presentado polo xerente de ASACEC, Luis Verde Remeseiro, e a xefa de estudos do CHUAC, María Rosario López Rico. A continuación, os coordinadores dos módulos do programa realizaron unha presentación dos mesmos: o subdirector de sistemas da información de ASACEC, Guillermo Vázquez González, presentou o módulo sobre ciberseguridade e tratamento de datos en saúde; o investigador do CITIC Alejandro Pazos presentou o módulo que coordinará sobre Introdución á intelixencia artificial e a súa aplicación no medicamento personalizado; e por último, o director e investigador do CITIC, Manuel F. González Penedo, presentou o módulo sobre intelixencia artificial e a súa aplicación na imaxe médica.
O acto finalizou co relatorio maxistral de Jaime do Barrio, presidente da Asociación Saúde Dixital, da que o CITIC é membro.
O Programa de Formación en Competencias Dixitais en Saúde está organizado pola Fundación Profesor Novoa Santos, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e a Comisión de Docencia da área Sanitaria da Coruña. Está dirixido a médicos residentes de terceiro ano e enfermeiros de segundo ano, e desenvolverase desde novembro de 2021 ata maio de 2022, contando cunha duración de 18 horas lectivas. No programa formativo participarán como docentes membros dos grupos de investigación da UDC VARPA e RNASA-IMEDIR, ambos os adscritos ao INIBIC.