CITIC

Investigadores do CITIC participan no I Encontro de persoal investigador en Tecnoloxías Cuánticas

12/12/2024 - CITIC

Persoal investigador do CITIC da UDC participaron a pasada semana no I Encontro de persoal investigador en Tecnoloxías Cuánticas, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). O evento reuniu especialistas de toda Galicia para fomentar a colaboración e promover o desenvolvemento destas tecnoloxías emerxentes. Ademais, presentouse o Mapa de capacidades en tecnoloxías cuánticas de Galicia, unha ferramenta estratéxica que reflicte o potencial científico e técnico da comunidade galega neste ámbito.

No marco do proxecto europeo NEASQC (NExt ApplicationS of Quantum Computing), os investigadores da UDC puideron investigar e desenvolver unha nova xeración de aplicacións cuánticas que poidan aproveitar nun futuro próximo as capacidades dos ordenadores cuánticos ruidosos actuais, coñecidos como NISQ (Noise Intermediate-Scale Quantum). Este proxecto reúne expertos académicos e usuarios industriais para abordar unha ampla gama de casos de uso, desde a detección de cancro de mama e a captura de CO2, ata a xestión enerxética intelixente ou a avaliación de riscos probabilísticos. Ademais, busca consolidar unha comunidade europea activa arredor da computación cuántica mediante o desenvolvemento de ferramentas e librarías de código aberto que permitan a novos usuarios industriais experimentar e compartir resultados.

Diego Andrade Canosa, investigador do grupo de Computación de Altas Prestacións, destacou o desenvolvemento de The NEASQC Benchmark Suite (TNBS), unha suite completa de benchmarking deseñada para avaliar de forma obxectiva as capacidades dos ordenadores cuánticos e explorar aplicacións prácticas da computación cuántica a curto prazo. Este traballo permite avanzar no entendemento das capacidades reais das tecnoloxías cuánticas actuais e potencia o seu uso en aplicacións industriais.

Carlos Vázquez Cendón, do grupo de investigación M2NICA, explicou os avances logrados na colaboración entre o CITIC, o CESGA e o banco HSBC. Na súa intervención, abordou o uso da computación cuántica na valoración de derivados financeiros, destacando técnicas como o Quantum Accelerated Monte Carlo (QAMC). Ademais, presentou a libraría QQuantLib, desenvolvida no marco do proxecto NEASQC para implementar algoritmos de QAMC, coa participación dos investigadores Alberto Manzano e Álvaro Leitao.

Finalmente, Eduardo Mosqueira Rey, do grupo de investigación LIDIA da UDC, abordou o potencial das propiedades da computación cuántica para a representación e xestión da incerteza en sistemas de intelixencia artificial. Mosqueira destacou a creación da libraría Quantum Rule-Based Systems (QRBS), que permite executar sistemas de intelixencia artificial simbólica en computadores cuánticos. Un exemplo das súas aplicacións é a determinación do estadío do cancro de mama, analizando aspectos clave como o tamaño do tumor, a afectación dos ganglios linfáticos e a presenza de metástases.

Estas tres librarías (TNBS, QQuantLib e QRBS) forman parte das ferramentas desenvolvidas dentro do proxecto NEASQC, que ten como obxectivo acelerar a adopción e aplicación práctica da computación cuántica en contextos industriais e científicos.