29/06/2021 – CITIC
Os investigadores do CITIC Daniel Iglesias, Joaquim de Moura, Jorge Novo e Marcos Ortega presentaron un traballo no 2021 IEEE International Conference on Acoustics, Speech and Signal Processing (IEEE ICASSP 2021), que se celebrou do 6 ao 11 de xuño de forma virtual. Trátase dun dos congresos máis relevantes a nivel internacional nos ámbitos de acústica, fala e procesado de sinais.
O traballo presentado polos investigadores do CITIC, titulado “Cycle Generative Adversarial Network Approaches to Produce Novel Portable Chest X-rays Images for COVID-19 Diagnosis” ofrece avances innovadores para a análise de imaxes radiolóxicas na loita contra a COVID-19. Estes avances enmárcanse nas técnicas de intelixencia artificial usando Redes Xenerativas Antagónicas, onde se expuxeron paradigmas novos para mellorar o potencial de aumento de datos. Nese sentido, combínanse 3 arquitecturas CycleGAN complementarias para realizar un sobremostreo simultáneo utilizando unha estratexia non supervisada e sen necesidade de datos emparellados.