CITIC

Investigadores do CITIC presentan avances en redes cuánticas e autenticación sen contrasinais no congreso nacional JNIC 2025

12/06/2025 - CITIC

Os investigadores do CITIC da Universidade da Coruña, Martiño Rivera e David Soler, foron seleccionados para presentar os seus traballos de investigación nas Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade (JNIC 2025), un dos principais eventos estatais no eido da ciberseguridade. As súas achegas, centradas na autenticación en redes e na simulación de redes cuánticas, representan avances innovadores con impacto potencial na seguridade dixital do futuro.

Martiño Rivera presentou FIDO2CAP, un novo protocolo que adapta os mecanismos de autenticación FIDO2 —habitualmente empregados en servizos web para substituír contrasinais— ao contexto das redes WiFi con portais cativos. Esta proposta, pioneira no seu ámbito, permite empregar chaves de seguridade e claves de acceso FIDO2 para conectarse a redes públicas de xeito seguro, sen precisar contrasinais vulnerables ou compartidas.

O traballo inclúe o desenvolvemento dun prototipo funcional e un estudo de usabilidade con persoas usuarias, que valida tanto a súa viabilidade técnica como a súa aceptación práctica.

Pola súa banda, David Soler contribuiu cunha mellora significativa ao simulador QKDNetSim no entorno NS-3, moi utilizado no ámbito académico. A súa versión mellorada, QKDNetSim+, optimiza a xestión do material de clave e o comportamento da rede, permitindo unha simulación máis fiel do funcionamento real das infraestruturas de distribución cuántica de claves (QKD), unha tecnoloxía primordial para a seguridade do futuro.

Esta ferramenta facilitará o desenvolvemento e a avaliación de redes cuánticas sen necesidade de custosas instalacións físicas, democratizando o acceso á investigación neste campo emerxente.

Ambos traballos foron presentados durante as sesións de mozos investigadores nas JNIC 2025, un foro que cada ano reúne universidades, centros tecnolóxicos, empresas e administracións públicas para debater os avances e retos actuais en materia de ciberseguridade.