Investigadores do CITIC reciben o Premio Antonio Torres do VIII Congreso Nacional de I+D en Defensa e Seguridade
27/11/2020 – CITIC
Os investigadores do CITIC David Novoa, Carlos Eiras e Óscar Fontenla son galardoados co “Premio ISDEFE I+D+I Antonio Torres” outorgado no marco do VIII Congreso Nacional de I+D en Defensa e Seguridade (DESEi+d 2020).
O traballo premiado leva por título “Mantemento preditivo de motores de buques mediante aprendizaxe automático”. Esta comunicación trata o traballo derivado do proxecto de innovación SOPRENE. O seu obxectivo é desenvolver un demostrador que permita automaticamente predicir a futura aparición de anomalías en motores de buques, favorecendo así o asesoramento en tempo útil ás dotacións e a reorganización de tarefas programadas de mantemento.
O Congreso DESEi+d 2020 preséntase como un foro e punto de reunión de todos os axentes relacionados coa I+D no ámbito da Defensa e Seguridade. Nel, o persoal investigador ten a oportunidade de presentar e difundir os resultados dos seus últimos traballos nas áreas relacionadas.
O Premio conta cunha dotación económica de 2.500 € outorgada á mellor comunicación dun proxecto presentado no Congreso.