Investigadores do CITIC recollen os Premios da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA
11/02/2022 – CITIC
Onte, 15 de febreiro de 2022, tivo lugar na sede da Fundación BBVA en Madrid a cerimonia de entrega dos Premios de Estadística Sociedad de Estadística e Investigación Operativa-Fundación BBVA e das Medallas Sociedad de Estadística e Investigación Operativa. En ambos os casos, correspondentes ás edicións de 2020 e 2021, pospostas con motivo da pandemia. Os investigadores da UDC Sonia Zaragoza Fernández, Inés Barbeito Cal, Javier Tarrío-Saavedra e Salvador Naya Fernández, estes tres últimos adscritos ao CITIC da UDC, recibiron o Premio á Mellor Contribución aplicada cun impacto no ámbito social, a innovación ou a transferencia do coñecemento no campo da Estatística da edición 2020 polo seu artigo “Avaliación de confort térmico e a eficiencia enerxética en edificios mediante control de calidade estadísitica para datos autocorrelacionados”. Recolleu o premio Salvador Naya quen destacou: “A Estatística contribuíu ao nacemento doutras disciplinas, como a Intelixencia Artificial. Ambas as disciplinas aprenden dos datos. A Estatística convérteos en coñecemento útil”.
Así mesmo, os investigadores do CITIC Ana López Cheda, Ricardo Cao Abad, María Amalia Jácome Pumar, xunto a Ingrid Van Keilegom, catedrática de Estatística e Investigación Operativa da Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica), recibiron o Premio á Mellor contribución metodolóxica no campo da Estatística da edición de 2021 polo seu artigo “Estimación non paramétrica de incidencia e selección de ancho de banda Bootstrap en modelos de cura mestura”. María Amalia Jácome foi a encargada de recoller o premio e no seu discurso de agradecemento quixo resaltar que “a Estatística contribuíu ao nacemento doutras disciplinas, como a Intelixencia Artificial. Ambas as disciplinas aprenden dos datos. A Estatística convérteos en coñecemento útil”.
Asistiron tamén á cerimonia, acompañando aos equipos premiados da UDC, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro. Os premios da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA, convocados con periodicidade anual e de ámbito estatal, recoñecen a orixinalidade e a innovación neste campo co obxectivo de incentivar o traballo de investigación e a súa proxección á sociedade. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros, a repartir entre os diversos autores. Os premios están dirixidos a investigadores en Estatística e Investigación Operativa de nacionalidade española ou doutro país que realizasen o seu traballo en investigación nunha universidade ou centro científico de España ou en colaboración con algún investigador español.