CITIC

Investigadores do CITIC son recoñecidos con dous premios no IV Encontro CIBER.gal

19/11/2024 - CITIC

Rubén Pérez Jove e Iván Cillero Seijas, investigadores do CITIC da UDC, foron galardoados cos premios ao Mellor Traballo Fin de Mestrado (TFM) e ao Mellor Traballo Fin de Grao (TFG), respectivamente, pola Cátedra R en Ciberseguridade UVigo-UDC no marco do IV Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, celebrado en Santiago de Compostela entre o 6 e 8 de novembro e organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade, a Amtega e o CPEIG. 

Aplicación de Deep Learning á seguridade de redes 

Rubén Pérez Jove foi premiado polo seu TFM titulado “Application of Advanced Deep Learning Architectures in Network Security: The Operating System Fingerprinting Case Study”, dirixido por José Vázquez Naya. Este traballo aborda a aplicación das arquitecturas de Deep Learning, como os Transformers (base de modelos como GPT-4 ou Llama 3.1), ao ámbito da ciberseguridade. 

En concreto, o estudo céntrase no “fingerprinting” de sistemas operativos, unha técnica que permite identificar a familia ou versión dun sistema operativo analizando o tráfico de rede. Comparando diferentes modelos clásicos de Machine Learning con variantes do Transformer, o estudo demostrou o desempeño superior deste último. Este traballo sitúase na intersección das áreas clave de investigación do CITIC: a ciberseguridade e a intelixencia artificial. 

Simulación de redes cuánticas no simulador NS-3 

Pola súa banda, Iván Cillero Seijas foi recoñecido polo seu TFG titulado “Implementación dun módulo de simulación de redes cuánticas para NS-3”, desenvolvido baixo a dirección de Francisco Javier Nóvoa Manuel e David Soler García. Este traballo mellora o módulo QKDNetSim, permitindo simulacións máis precisas de redes de comunicación cuántica. Entre as súas contribucións, destaca a optimización da xestión do material de clave, facilitando simulacións máis realistas e abrindo novas posibilidades para a investigación neste ámbito innovador. 

Ademais, durante o encontro, Iván Cillero presentou na sección de Espazos Técnicos o seu traballo “Implementación dun sistema de mensaxería segura e privada utilizando claves cuánticas”. Este proxecto, desenvolvido dentro do marco do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ten como obxectivo o deseño dunha aplicación de mensaxería con altos estándares de seguridade e privacidade. 

O sistema utiliza un Servizo Entropy-As-A-Service, que emprega xeradores cuánticos de números aleatorios para producir claves completamente aleatorias. Ademais, integra tecnoloxías avanzadas como zk-SNARKs para autenticar usuarios sen comprometer a súa privacidade. Este enfoque garante cifrado extremo a extremo e mantén a confidencialidade da identidade dos usuarios.