
Investigadores internacionais destacan avances en microbioma e procesamento da linguaxe natural nos Almorzos TIC Talk
O CITIC acolleu este martes 30 de setembro unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk, na que investigadores internacionais compartiron innovacións que combinan ciencia de datos, biomedicina e procesamento da linguaxe, mostrando como a tecnoloxía pode transformar a investigación e a práctica clínica.
Ayesha Wasim, doutoranda no CITIC dentro do programa MCSA COFUND, presentou o seu traballo sobre algoritmos e análise de datos aplicados ao microbioma en cancro colorrectal. A súa investigación céntrase en crear procesos automáticos e reproducibles que permitan identificar patróns microbianos consistentes entre diferentes hospitais, un paso fundamental para validar biomarcadores clínicos fiables. Entre os achados, destacan especies bacterianas cuxa presenza podería influír no desenvolvemento do cancro a través da inflamación, o metabolismo ou a resposta inmune. Wasim adiantou que o próximo desafío será diferenciar cepas patóxenas de comensais e vincular xenes microbianos con rutas metabólicas e inmunolóxicas.
Pola súa banda, Muhammad Imran, contratado tamén dentro do programa Marie Curie, presentou un enfoque innovador para o procesamento da linguaxe natural que combina precisión e velocidade. A súa técnica converte a análise sintáctica nunha tarefa de etiquetado de secuencias, logrando procesar ata mil frases por segundo sen perder exactitude. Isto non só mellora a análise de sentimentos, senón que tamén potencia o recoñecemento de entidades en textos biomédicos, superando en varios casos aos sistemas tradicionais.
Ambos os dous poñentes coincidiron nun punto clave: a eficiencia e a reproducibilidade son esenciais para trasladar os avances científicos ao mundo real, xa sexa en medicina ou en tecnoloxía.