 
													Javier Bustos falará no CITIC sobre como a intelixencia artificial está a revolucionar a análise de Internet
		- A conferencia terá lugar o vindeiro 27 de outubro na Sala Cloud do centro TIC da UDC.
O vindeiro luns 27 de outubro de 2025, ás 15:00 h, o CITIC acollerá a conferencia titulada “IA/ML na análise de protocolos de redes”, a cargo do investigador chileno Javier Bustos Jiménez, experto no ámbito das redes, a seguridade e a privacidade en Internet. A charla terá lugar na Sala Cloud do CITIC, e foi organizada polo investigador Víctor Carneiro.
Nesta conferencia, Javier Bustos presentará a traxectoria de NIC Labs, o laboratorio de investigación e desenvolvemento de Chile, responsable de administrar o dominio .cl e de promover a innovación tecnolóxica no ámbito de Internet. Desde 2015 ata a actualidade, o laboratorio traballou na aplicación de intelixencia artificial (IA) e aprendizaxe automática (ML) para a análise de protocolos de rede.
Ao longo da charla abordaranse proxectos como a análise de trazas DNS para a detección de anomalías ou intentos de phishing, o desenvolvemento de sistemas automatizados de detección de phishing, e os estudos de supervivencia de antenas, entre outros enfoques innovadores baseados en IA e ML. A presentación ofrecerá unha visión integrada e práctica de como estas tecnoloxías se teñen aplicado en contornos reais de rede, destacando os avances acadados por NIC Labs e os desafíos que aínda persisten neste campo en constante evolución.
Para asistir, só é necesario rexistrarse a través desta ligazón.
Sobre o relator
Javier Bustos Jiménez é enxeñeiro en Computación e doutor en Ciencias pola Universidade de Chile, e doutor en Informática pola Universidade de Niza Sophia-Antipolis, en Francia. É director da área de investigación de NIC Labs (NIC Chile / Universidade de Chile) e profesor axunto no Departamento de Ciencias da Computación da Universidade de Chile desde 2008.
Entre os seus traballos destacan investigacións sobre o monitoreo DNS en tempo real, a avaliación da calidade de experiencia en redes móbiles, e a análise da resiliencia de Internet en escenarios de fallos ou ataques.
- Data: 27 de outubro de 2025
- Hora: 15:00 h
- Lugar: CITIC, Sala Cloud
Esta acción está financiada polo CITIC, centro con acreditación de excelencia do Sistema Universitario de Galicia (ED431G 2023/01). Cofinanciado nun 60 % polo Programa Operativo FEDER Galicia 2021-27, no marco das axudas para a estrutura, mellora e apoio aos centros de investigación do SUG da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
 
 
