CITIC

Javier Parapar e Patricia Martín-Rodilla, investigadores do CITIC, participan como supervisores na rede de formación doutoral HYBRIDS

19/09/2023 - CITIC

HYBRIDS é unha rede de formación doutoral Marie Skłodowska-Curie financiada pola Unión Europea (UE) e o UK Investigación e Innovación (UKRI). O seu principal obxectivo científico é proporcionar aos investigadores os coñecementos necesarios para deseñar estratexias e ferramentas de resposta á desinformación a partir dunha análise profunda do discurso público.

O proxecto integra os coñecementos estruturados que achegan as ciencias sociais e humanas en ferramentas de procesamento da linguaxe natural e algoritmos de aprendizaxe profunda. Mediante o desenvolvemento de novos sistemas de intelixencia híbridos, combínase a intelixencia das máquinas e a humana para superar as deficiencias dos métodos de intelixencia artificial existentes.

HYBRIDS conta con 11 proxectos participantes, os cales poden chegar a contar con ata tres supervisores como máximo. Os investigadores do CITIC Patricia Martín-Rodilla e Javier Parapar López participan como supervisores en varios proxectos. Concretamente, Patricia co-supervisa “Towards an automatic characterization of micro-level structures in discourse from social networks” e “Identifying the stance of argumentative opinions in the political discourse”; e Javier Parapar é o supervisor principal de “Detecting harassment on social media beyond isolated messages”.

Entre o 18 e 22 de setembro levarase a cabo no CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela o primeiro encontro do proxecto HYBRIDS. Esta toma de contacto servirá para que se coñezan os candidatos de cada grupo e así poder iniciar os primeiros pasos das investigacións ao redor da intelixencia artificial híbrida.