CITIC

Investigadores do CITIC participan nos Encontros con Profesionais TIC para nenos e nenas promovido polo CPEIG

30/10/2020 – CITIC

O subdirector do CITIC Javier Pereira, as investigadoras Adriana Dapena e Susana Ladra e o responsable da área de Sistemas, Alejandro Mosteiro, participan nos Encontros con Profesionais TIC promovidos polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG). Este ciclo enmárcase no Convenio de Colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o CPEIG para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital. As xornadas levaranse a cabo ata o 31 de outubro con profesionais das TIC de toda Galicia.

A informática axuda a que todos teñamos as mesmas oportunidades

O subdirector Javier Pereira e a investigadora Adriana Dapena ofreceron unha charla en formato online sobre a importancia da informática na axuda a dar as mesmas oportunidades a todas as persoas, independentemente das súas capacidades. Realizouse este xoves 29 de outubro, desde o centro de ASPACE Coruña, dirixido a mozos de entre 14 e 18 anos.

Esta charla tivo o obxectivo de mostrar o traballo desenvolvido polo CITIC en ASPACE e a importancia da informática para axudar ás persoas con diversidade funcional. Na charla mostráronse exemplos de teclados e ratos adaptados, videoxogos que poden ser personalizados en función das capacidades de cada usuario, cascos de electroencefalografía construídos con impresoras 3D para o estudo de actividade cerebral, control do ordenador con dispositivos como arduinos ou micro:bits.

Tamén participou o fisioterapeuta de ASPACE Coruña Rubén Carneiro, para describir a súa experiencia e os beneficios que o desenvolvemento destas tecnoloxías de apoio ou contidos informáticos para a rehabilitación supoñen como elemento motivador para as persoas con parálise cerebral.

Oíches falar da intelixencia artificial?

Pola súa banda, a investigadora do CITIC e directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra, participou nos encontros o día 26 de outubro falando sobre Intelixencia Artificial con nenos e nenas de ata 9 anos, como xeito de achegar as TIC e todas as súas posibilidades aos máis pequenos.

Traballo e investigación no CITIC

O responsable do área de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, tamén participa nos Encontros explicando o traballo de investigación que se leva a cabo desde o centro, a xestión do Centro de Proceso de Datos (CPD) e a administración das infraestruturas.

Máis información