CITIC
Desayunos TIC Talk

Joel Pérez Villarino e Pedro Fernández-Arruti Gallego presentan as súas liñas de investigación nunha nova sesión dos Almorzos TIC Talk

25/10/2022 – CITIC

Este martes 25 de outubro celebrouse a sexta sesión dos Almorzos TIC Talk, protagonizada polos investigadores Joel Pérez Villarino e Pedro Fernández-Arruti Gallego para presentar as súas liñas de investigación nestes encontros que pretenden achegar, nun ambiente distendido, o traballo desenvolvido no centro ao persoal investigador que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira.

O investigador Álvaro Leitao, membro da comisión de formación, deu paso aos relatores. En primeiro lugar, Joel Pérez Villarino expuxo o seu traballo “Resolvendo EDPs con Deep Learning”, explicando a metodoloxía baseada en Deep Learning para a resolución de EDPs -ecuacións en derivadas parciais- para a súa aplicación a problemas financeiros de risco de contraparte.

A continuación, Pedro Fernández-Arruti Gallego presentou “Sistema de auditoría de seguridade automatizado orientado a pemes”. Debido ao incremento do teletraballo motivado pola pandemia, o equipo investigador do que forma parte decidiu crear un sistema de rede en tempo real para pequenas e medianas empresas, fácil de usar, de baixo custo, e capaz de realizar un inventario da rede, escaneo de vulnerabilidades e análises Wifi.

Os Almorzos TIC Talk reúnen mensualmente ao persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, coa finalidade de potenciar a transversalidade e promover posibles colaboracións.