CITIC

José Duato falará no CITIC da UDC sobre “Intelixencia artificial Medioambientalmente Sostible” no marco da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes

13/01/2025 - CITIC

O vindeiro luns 20 de xaneiro, ás 12:00 horas, terá lugar charla “Intelixencia artificial Medioambientalmente Sostible” na Sala Cloud do CITIC da Universidade da Coruña. Esta conferencia enmárcase nas actividades organizadas pola Cátedra INDITEX-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes, dentro do ciclo de charlas titulado “Converxencia verde para un futuro sostible”.

Na sesión, José Duato, CTO da empresa Qsimov Quantum Computing e académico de renome, expoñerá os desafíos enerxéticos dos sistemas de IA actuais e abordará o impacto medioambiental das técnicas de intelixencia artificial, con especial atención ao alto consumo enerxético asociado a estas tecnoloxías.

Durante a charla, o relator analizará as tecnoloxías xa implementadas para optimizar o consumo enerxético, así como os desenvolvementos disruptivos que prometen facer a intelixencia artificial máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.

Cunha traxectoria de máis de 30 anos como catedrático na Universidade Politécnica de Valencia, José Duato conta cun extenso currículum que inclúe máis de 500 publicacións científicas e prestixiosos recoñecementos como o Premio Rey Jaime I de Novas Tecnoloxías e o Premio Nacional de Investigación Julio Rey Pastor. A súa experiencia en computación e comunicacións sitúao como unha figura clave na procura de solucións sostibles para o futuro da intelixencia artificial. É Académico numerario da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.

Esta actividade, aberta ao público, forma parte do compromiso da Universidade da Coruña (UDC) e a Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes coa promoción dunha tecnoloxía máis consciente e responsable coa contorna.

A entrada é gratuíta e para asistir é necesario rexistrarse a través deste formulario.

Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes

A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da intelixencia artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes:

  • Desenvolver programas de formación en IA verde.
  • Promover a investigación e a innovación no ámbito da IA verde mediante a identificación de retos e o fomento da cooperación público-privada.
  • Facilitar a transferencia e explotación dos resultados da investigación da cátedra mediante a comercialización de servizos e produtos e a creación de spin-offs.
  • Promover a difusión dos resultados da investigación e do coñecemento en IA verde mediante a publicación de artigos e a organización de eventos e actividades de divulgación e ciencia cidadá.
  • Consolidar a cátedra como referente no ámbito da IA verde a nivel rexional, nacional e internacional mediante a participación en eventos e grupos de traballo, a colaboración con outras institucións e a identificación de oportunidades de financiamento.

Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes – sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón- que require o apoio de grupos de investigación do campo da intelixencia artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.

Para máis información, contactar coa Cátedra (catedra.inditex.algoritmos.verdes@udc.gal), o CITIC ou o Gabinete de Comunicación da Universidade da Coruña.