José Luis Calvo Rolle ofrece unha conferencia organizada pola IEEE Computational Intelligence Society
23/03/2021 – CITIC
O investigador do CITIC José Luis Calvo Rolle ofrecerá unha conferencia sobre o modelo de optimización e detección de fallos en sistemas reais mediante técnicas intelixentes, dentro do marco da CI Lectures, organizada pola delegación portuguesa da IEEE Computational Intelligence Society. Baixo o título “Optimization modeling and fault detection in real systems using intelligent techniques”, a charla terá lugar este mércores 24 de marzo ás 17:00 h (hora portuguesa).
O investigador abordará unha das liñas de investigación relacionadas coa Intelixencia Artificial na que se ten centrado nos últimos anos. Así, na conferencia mostrará algúns dos resultados obtidos. A sesión é de acceso libre e vía telemática.
A Sección IEEE Computational Intelligence Society de Portugal é parte da Rexión 8 (Europa, África, Medio Oriente e Rusia) do IEEE e conta con máis de 1.500 membros, que forman parte dun universo de profesionais de diferentes áreas da tecnoloxía, así como unha comunidade en crecemento de estudantes de diferentes institucións de educación superior portuguesas.