CITIC

José Luis Calvo Rolle recibe o Premio Best Application Paper on Machine Learning do Congreso Internacional IDEAL 2020

18/11/2020 – CITIC

O investigador do CITIC José Luis Calvo Rolle foi galardoado co Premio Best Application Paper on Machine Learning do Congreso Internacional IDEAL 2020, celebrado do 4 ao 6 de novembro en Guimarães, Portugal.

No traballo participaron José Luis Calvo Rolle, Héctor Quintián e Esteban Jove, integrantes do grupo de investigación Ciencia e Técnica Cibernética do departamento de Enxeñaría Industrial de Ferrol (grupo do que o investigador do CITIC é IP); Nuño Basurto, Carlos Cambra e Álvaro Herrero, investigadores da Universidade de Burgos; e Emilio Corchado, da Universidade de Salamanca.

O traballo premiado, “Detecting Performance Anomalies in the Multi-Component Software a Collaborative Robot” propón un sistema que permite detectar funcionamentos erróneos ou non desexados dun robot baseado nos seus compoñentes. O proxecto abre novas vías para o desenvolvemento e implementación de sistemas robóticos tolerantes a fallos.

O Congreso Internacional IDEAL é unha conferencia internacional que se realiza de forma anual dedicada a temas emerxentes e desafiantes na análise intelixente de datos, minería de datos e os seus paradigmas e sistemas de aprendizaxe asociados. Buscar brindar unha oportunidade para presentar e discutir os últimos avances teóricos e aplicacións do mundo real en Intelixencia Computacional e Análise de Datos Intelixentes.