Juan Romero, investigador da área de Intelixencia Artificial do CITIC, nomeado a mellor docente de España 2021
23/09/2021 – CITIC
Juan Romero, profesor titular da Universidade da Coruña e investigador da área de Intelixencia Artificial do CITIC, foi nomeado a Mellor Docente de España 2021, categoría Universidade, na V Edición dos Premios Educa ABANCA.
As propostas de nomeados aos premios realízanas o alumnado, de 1.178 recibidas de toda España, seleccionáronse 175 nomeados/as. O 30 de outubro publicarase a listaxe dos dez finalistas en cada categoría e o 15 de novembro coñeceranse as puntuacións obtidas por cada un destes finalistas, obtendo o título de Mellor Docente de España aquel ou aquela docente que consiga a maior puntuación en cada categoría.
Juan Romero imparte docencia na Facultade de Ciencias de la Comunicación e na Facultade de Informática da UDC e é membro permanente do CITIC. É experto de referencia mundial en Intelixencia Artificial aplicada a temas creativos e artísticos, como o mostra o editar os dous libros de referencia sobre a área, así como numerosos números especiais de revistas de prestixio. Tamén organizou 8 conferencias internacionais dun dos congresos máis importantes da área de IA, o “International Conference on Artificial Intelligence in Music, Sound, Art and Design” e dirixiu proxectos de investigación financiados con fondos nacionais e autonómicos, así como proxectos para empresas como Microsoft.
Destacar por último, que este ano foi galardoado co prestixioso premio “Evo* Award for Outstanding Contribution to Evolutionary Computation in Europe”.