CITIC

A astronauta da ESA Sara García constata o potencial investigador do CITIC e o compromiso social do proxecto Talentos Inclusivos

30/05/2023 - CITIC
  • A astronauta na reserva da Axencia Espacial Europea (ESA) visitou no día de onte o Centro de Investigación TIC, onde coñeceu as súas principais investigacións, así como o programa desenvolvido con Aspace Coruña, no que participan 200 estudantes de toda Galicia

    O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC contou onte coa visita da astronauta na reserva da Axencia Espacial Europea (ESA), que xunto a Pedro Duque participou este 29 de maio na xornada “Presente e Futuro da Industria Aeroespacial Europea: Investigación, Colaboración e Emprendemento”, organizada polo Consello Social da UDC.

    Con tal ocasión, a astronauta, que desde 2019 traballa como investigadora posdoctoral no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), onde lidera un proxecto para descubrir novos fármacos contra o cancro, tivo a oportunidade de coñecer as principais investigacións que se desenvolven no CITIC, durante unha visita ás súas instalacións.

    O subdirector do centro, Javier Pereira, foi o encargado de guiar a Sara García, ensinándolle o Demostrador Tecnolóxico, onde se lle mostraron os prototipos das principais investigacións desenvolvidas en IA, eficiencia enerxética e saúde, así como os laboratorios de Robótica e Realidade Virtual, así como o Centro de Proceso de Datos.

    Durante a súa visita, Javier Pereira, acompañado do secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito e a presidenta de Aspace Coruña, María Carmen Barreiro, tiveron a ocasión de presentar á astronauta o proxecto Talentos Inclusivos, onde a través das tecnoloxías trátase de visibilizar a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral. Na presentación participaron tamén persoas usuarias de Aspace Coruña e Aspronaga, que xunto a alumnado e profesorado dos IES Zalatea e Rego de Trabe mostraron os resultados de iniciativas que se levaron a cabo no marco deste proxecto. O acto tamén contou coa asistencia de alumnado do IES Rafael Dieste da Coruña.