CITIC

A Comisión Europea inclúe o proxecto BIRDS na sección "success stories” da súa páxina web

04/06/2019

A Comisión Europea incluíu o proxecto BIRDS, coordinado pola investigadora do CITIC e directora do Campus Innova da UDC Susana Ladra, dentro da sección “success stories” da súa páxina web, onde se destacan os principais logros do mesmo e a importancia do traballo que se está levando a cabo.

Trátase dun novo recoñecemento para o proxecto liderado por Susana Ladra, que o pasado mes de outubro recibiu de mans da Presidencia Austríaca do Consello da UE o premio Marie Sklowska-Curie Actions 2018 na categoría “Briding (carrer) paths”, que valoraba as habilidades emprendedoras e o vínculo intersectorial dos proxectos H2020.

O proxecto BIRDS, Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design está financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie (RISE) de intercambio de persoal de investigación e innovación pertencente ao programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020 (proxecto con referencia 690941).

BIRDS xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volumes de datos existentes en diferentes campos de aplicación como a bioinformática e a recuperación de información. No proxecto, ademais da UDC, participan universidades de Finlandia, Xapón, Australia, Chile e Portugal.