A páxina web promovida por Carlos Fernández Lozano para a monitorización do COVID-19 inclúe predicións de evolución da enfermidade
13/04/2020
A páxina web posta en marcha polo investigador do CITIC Carlos Fernández Lozano para a monitorización da evolución do COVID-19 xa inclúe predicións de evolución, grazas á participación dun grupo de máis de 50 profesionais da Estatística, Matemática e Ciencia de Datos de diferentes universidades españolas nunha iniciativa promovida pola “Acción Matemática contra o Coronavirus” do Comité Español de Matemáticas (CEMat).
O comité de expertos da “Acción Matemática contra o Coronavirus”, dirixido polo investigador do CITIC Ricardo Cao, lanzou un chamamento á comunidade científica para participar nesta iniciativa para a loita contra a pandemia, propoñendo un protocolo de actuación conxunta para que as persoas que realizasen modelos preditivos dalgunha variable (como número de ingresos na UCI, número de hospitalizacións, número de falecementos, etc.), envorcasen os datos nun arquivo conxunto de predicións.
Así, grazas á participación de máis de 50 especialistas de diferentes universidades españolas, xa se puido incluír na páxina web un “preditor cooperativo”, baseado en combinacións optimizadas de predicións dos diferentes modelos e algoritmos, desagregadas por comunidades autónomas.