CITIC

A sala NORMAL acolle unha exposición dun proxecto de investigadores do CITIC

23/12/2019

A sala NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, acolle unha exposición destinada ao electromagnetismo e a un proxecto de detección de pegadas indutivas realizado polos investigadores do CITIC Paula Castro, Adriana Dapena, José Lamas e Francisco Vázquez. A iniciativa, baixo o título “Divulgando o noso”, conta coa colaboración da Unidade de Divulgación Científica da UDC e a Deputación Provincial da Coruña.

Esta iniciativa ten o obxectivo de difundir ao público os contidos dos proxectos de investigación a través de exposicións, obradoiros, etc. para contribuír a mellorar a cultura científica da sociedade e a percepción que a cidadanía ten do labor dos investigadores da UDC.

Na mostra exponse o proxecto “Pegadas indutivas”, un proxecto de investigación de control de tráfico vehicular intelixente desenvolvido por investigadores do CITIC. Baséase no fenómeno físico da indución electromagnética para deseñar detectores de pegadas de vehículos nas estradas, empregando bobinas incrustadas na calzada e un sistema electrónico de medida e rexistro. As pegadas indutivas rexistradas permiten identificar o tipo de vehículo, estimar a súa velocidade e determinar o grao de ocupación da vía.

Ademais, estas mostras van acompañadas dunha oferta de obradoiros destinados a diferentes idades e ao público en xeral. Son gratuítas previa inscrición a través do correo divulgacion.vepeu@udc.gal. A programación é a seguinte:

  • Infantil (6-12 anos): 22 de xaneiro, de 17:30 h a 18:30 h (10 prazas) e de 18:45 h a 19:45 h (10 prazas).
  • Adultos: 24 de xaneiro de 11:00 h a 12:00 h (20 prazas).