A Xunta prevé unha convocatoria de axudas para promover os Hubs de Innovación Dixital
22/08/2018
A Xunta de Galicia quere promover a implementación e dinamización dos Hubs de Innovación Dixital, a través da publicación dunha convocatoria de axudas dirixida á posta en marcha destas estruturas, no marco do Plan Galicia Innova 2020.
Con isto, a Xunta ten o obxectivo de fomentar a colaboración entre os diversos axentes para a presentación de propostas coordinadas que conten co consenso necesario que garanta a súa eficacia e eficiencia.
Para dispor de información suficiente para definir esta convocatoria, a Xunta considera preciso efectuar un anuncio e abrir un prazo dun mes para que os axentes do sistema galego de innovación que así o desexen poidan achegar as súas manifestacións de interese, e presenten unha proposta de configuración de Hub baixo os criterios mínimos que se establecen.
As propostas ou manifestacións de interese deberán encamiñarse a describir unha visión e actividades preparatorias para a posta en marcha do Hub de Innovación Dixital, deberán demostrar a capacidade de consorcio dos axentes que configuran o Hub e o enfoque dos mesmos terá que cubrir de forma prioritaria tecnoloxías que representen un potencial importante para a industria.